Éxito de acollida das primeiras visitas guiadas organizadas polo Concello ao muiño de Xuvia

xoves, 30 de Marzo de 2023

O muíño de Xuvia acolleu as primeiras visitas guiadas abertas á cidadanía. Máis dun centenar de persoas participaron na primeira hora de apertura dun percorrido por unha das xoias do patrimonio do Concello de Narón, recentemente rehabilitada.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, participou tamén nesta xornada, e valorou o éxito de acollida que están tendo entre as veciñas e veciños estas visitas. As persoas que o desexen poideron acudir o pasado sábado día 25, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00, e tamén oiderán facelo a vindeira fin de semana, os días 1 e 2 de abril de 16.30 a 20.30 horas. “Moita xente estábanos pedindo visitalo e outros preguntaban cando íamos abrilo, polo que consideramos que unha vez reamatado o proxecto de rehabilitación, que supuxo un desembolsode 1,25 millóns de euros, era o momento de abrilo uns días, antes de iniciar a musealización interior, que suporá outros 240.000 euros, para que se achegasen as persoas que quixesen facelo”, explicou Ferreiro.

A sensación que trasladaron os visitantes desta tarde sobre o traballo realizado foi moi positiva en canto ao resultado final dos traballos acometidos nesta construción do século XVIII. Guías especializadas en turismo encargáronse de percorrer cos grupos, dous simultaneamente, o interior da edificación e explicarlles boa parte da historia do muíño, ata onde chegaron no século XVIII un grupo de intelectuais franceses que o puxeron en marcha, a familia Lestache e tamén os Bucau, colocando a Narón no mapa das rutas comerciais de faariña, que era exportada a medio mundo dende Xuvia. A recepción, con mapas ilustrados, mapas antigos eun gran mural; unha sala introdutoria, a Sala Lestache, outra polivalente para exposicións, a Sala dos Muíños, coa Sala Bucau e a da Cultura industrial.... formarán parte do resultado final dos traballos, unha vez musealizada a construción. Os visitantes coñeceron da man das guías de turismo a historia do muíño de Xuvia, as diferentes estancias que integran a construción e tamén o proxecto de musealización e tiveron a oportunidade de visionar un vídeo no que se aprecia o gran cambio que experimentou dende o inicio das obras.

“É un orgullo ver o resultado final e tamén como a xente aprecia o traballo realizado nos últimos meses para rehabilitar este muíño” asegurou Ferreiro, que animou ás veciñas e veciños a achegarse mañá ou a vindeira fin de semana para poder ver o interior da edificación. A actuación realizada no muíño, que supuxo un desembolso de 1, 25 millóns de euros, está cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.