Coñece Narón
Narón é un dos municipios máis poboados da Comunidade Autónoma de Galicia con preto de 40.000 habitantes, o que o sitúa como 8º concello máis poboado de Galicia e o 4º da provincia da Coruña.
O 80 % dos veciños de Narón están agrupados na capital, Narón, que se corresponde co núcleo urbano integrado polos barrios da Gándara, Alto do Castiñeiro, O Couto, Santa Icía, Piñeiros e Xuvia; a poboación restante distribúese entre as parroquias da zona rural: Castro, Doso, O Val, Pedroso, San Xiao de Narón, Sedes e Trasancos.
Situado na Terra de Trasancos coruñesa, Narón conta cunha extensión de 66,2 Km², e o seu contorno dota a este territorio dunhas características climáticas de tipo oceánico, caracterizado por temperaturas pouco extremadas e cunha oscilación térmica pequena, con invernos suaves e veráns frescos.
"Narón para os teus ollos"
O Concello de Narón publicou a guía "Narón para os teus ollos". Nesta guía o concello amósase como unha cidade viva, dinámica, extensa e intensa, chea de encantos e sorpresas para os visitantes. Descarga a guía en PDF.
Xeodestino turístico Ferrolterra Rías Altas
O Concello de Narón forma parte da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Dentro do plan de promoción turística do xeodestino Ferrolterra - Rías Altas en convenio de colaboración coa Xunta de Galicia a Macomunidade creou o portal Ferrolterra | Rías Altas. Desde esta páxina (turismoferrolterra.es) pódese descubrir este destino turístico do que forma parte Narón, e explorar unha terra única, que mistura cultura e paisaxe, cunha gran riqueza natural e paisaxística.