Comercial
O sector de servizos é tan importante para Narón coma o desenvolvemento industrial e os servizos sociais para a poboación.
O comercio de proximidade de Narón é moito e moi diverso, con establecementos onde prima a calidade e o trato personalizado, converténdose en insignia dun Narón que progresa pero non perde de vista as súas orixes. O importante comercio polo miúdo, cobre a demanda da poboación do concello en diferentes ramas: confección, alimentación, agasallos, librarías ou mercerías, e que se localizan principalmente nas zonas urbanas.
A oferta comercial en Narón ampliou a súa oferta dende comezos da década coa implantación de dúas grandes áreas comerciais, de servizos e lecer.
Dende finais de 2002 Narón conta cun dos máis grandes centros comerciais e de ocio de España: Dolce Vita Odeón, situado no polígono da Gándara, conta con 14 salas de cine con capacidade para máis de 3.500 persoas, unha área de entretemento familiar con diversos establecementos de ocio infantil, ximnasio, bares de copas, tendas de primeiras marcas, restaurantes, etc.
Algunhas das principais empresas mundiais dedicadas ao lecer implantáronse dende o primeiro momento en Odeón, seguindo o ronsel da dinamización comercial e de servizos posta en marcha logo da apertura en 1999 do Centro Comercial Narón, nos baixos da Praza de Galicia.
O Centro Comercial Narón ocupa unha superficie de 6.000 metros cadrados e aparcadoiro e nel asentáronse empresas de alimentación, locais de hostalería e diversos comercios.
No sector da alimentación, por exemplo, un gran número de almacéns maioristas e minoristas establecéronse no municipio, ofrecendo aos veciños e veciñas un gran número de produtos e servizos alimentarios.
No contorno do Polígono das Lagoas e na Estrada de Castela localízanse unha serie de tendas dedicadas ao mundo do moble, concentradas na área urbana de Xuvia-Freixeiro-Alto do Castiñeiro.
O sector de comercialización de ferraxería en Ferrolterra ten tamén en Narón un dos seus maiores referentes, dedicándose estas empresas en gran parte á venda de máquinas, ferramentas, materiais de construción, ferramenta agrícola, as pezas de uso doméstico ou a bricolaxe.
Así pois en Narón hai que subliñar a existencia dun importante comercio polo miúdo, que cobre a demanda da poboación do concello en diferentes ramas: confección, alimentación, librarías ou mercerías, e que se localizan principalmente nas zonas urbanas.
Hostalaría
Narón é un referente no eido da hostalaría na bisbarra. A súa atractiva e variada oferta de locais e terrazas fan deste municipio un destacado punto de encontro no tempo de lecer dos seus veciños e veciñas.
Club Narón Gastronómico
O Club Narón Gastronómico nace como foro de participación e colaboración entre o Concello de Narón e os profesionais do sector hostaleiro, facendo de catalizador coa contorna social, económica e empresarial. A creación do Club supón un salto cualitativo no proceso de dinamización do colectivo hostaleiro, que comezou no ano 2013 coa posta en marcha do Programa Narón Gastronómico, un marco baixo o cal desenvolvéronse numerosas actuacións para reactivar o sector e nas que participaron nas súas diferentes edicións máis de 50 establecementos do Concello.
Obxectivos
O Club Gastronómico nace coa intención de promover a mellora global do colectivo, potenciar a cualificación profesional, aumentar a competitividade dos asociados e poñer en valor e dar a coñecer os produtos alimentarios producidos no Concello de Narón.
Para obter máis información sobre o Club Gastronómico:
Web:
clubnarongastronomico.naron.gal
Facebook:
-
O Centro Comercial Dolce Vita Odeón, situado no Polígono de A Gándara, acolle Odeón Multicines, un conxunto de 12 salas equipadas con tecnoloxía Dolby Atmos., nas que os visitantes poden gozar das últimas novidades cinematográficas do cinema internacional cun sistema de son espectacular.
-
Esta antiga variedade de tomate autóctono que desaparecera practicamente como cultivo, foi obxecto dun intenso traballo de recuperación por parte do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, conseguindo que se extenda polas diferentes hortas galegas cunha grande aceptación.
-
É unha variedade de pemento (Capsicum annuum L.) con Indicación Xeográfica Protexida, orixinaria da comarca de Ferrolterra.