Industrial

Ao igual que ocorre co resto da comarca, a radiografía económica de Narón pasa de forma determinante polo auxe da construción naval nos anos 60 e 70, onde florece un denso tecido capilar de empresas auxiliares xurdidas ao abeiro dos grandes estaleiros. O proceso de Narón é moi singular en Galicia. Á parte das cidades que superan os 50.000 habitantes, é moi difícil atopar un caso de desenvolvemento económico como o que viviu este concello nos últimos 25 anos.

O crecente e puxante Narón dos nosos días, no que florece un denso tecido empresarial e tense creada unha magnífica infraestrutura tanto para a industria –con tres polígonos de primera liña: o de Río do Pozo, un dos maiores de Galicia, así como o da Gándara e o das Lagoas– como para os servizos, é de base recente. Sen ir máis lonxe, o xigante Megasa, buque insignia da industria local, fundouse en 1954 e precisamente ao abeiro dos estaleiros. De igual modo naceron multitude de empresas auxiliares no ámbito do metal, construción, servizos ou enxeñería.

 

Así pois, non se pode disociar o despegue do Narón moderno da evolución no seu conxunto da comarca de Ferrolterra, con Ferrol como cabeceira, no momento na que esta se converteu, xunto con Vigo, nunha das dúas áreas máis importantes da industrialización de Galicia.

 

Varias decenas de empresas máis empregan a milleiros de traballadores en moi distintos sectores produtivos: téxtil, elaboración de estruturas de metal, ferraxería, distribución, elaboración de cemento, enerxías alternativas... o cal explica que Narón sexa un polo de atracción da xente nova que busca un lugar próspero, con servizos e con futuro no que desenvolver o seus proxectos de vida.