Celebracións do día de Narón
A XXVIII Gala do Deporte abrirá o programa de actividades a desenvolver, que inclúe homenaxes e sesións dirixídas ao público infantil, entre outras
O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, presentaron os actos programados na localidade con motivo do Día de Narón, que se conmemorará o vindeiro mércores 23 de novembro. As actividades a desenvolver, de moi diversa índole, comezarán este venres, día 18, coa celebración da XXVIII Gala do Deporte de Narón no Pazo da Cultura e rematarán o día 26 de novembro, tal e como avanzou o rexedor local. “Trátase dunha serie de eventos moi variados convocados en diferentes lugares, intentando así que participe o máximo número de persoas posibles nos de carácter público e nos de aforo limitado, os convidados aos mesmos”, apuntou.
A Gala do Deporte é xa unha cita imprescindible no calendario local na que se recoñecen o traballo e os éxitos dos deportistas desta cidade. Comezará ás 21.00 horas e congregará como cada ano a unhas 900 persoas no Pazo da Cultura. “É un acto reivindicativo e festivo no que se dará conta dos mellores deportistas de cada especialidade, valorados por un xurado e, ao tempo, de recoñecemento do traballo dos nominados este ano e de todos aqueles homes e mulleres que participan nas actividades deportivas convocadas desde o Concello e o Padroado de Deportes de Narón”, explicou o alcalde.
Os actos continuarán o sábado día 19, cunha homenaxe a tres empresas locais que levan 75 anos ou máis radicadas en Narón: Megasa, Tranvías de Ferrol e o Grupo Intaf, a partir das 12.00 horas no Concello. A corporación local deu o visto bo a este acto o pasado mes de outubro no pleno ordinario. Durante o transcurso do evento os actuais xestores destas tres empresas asinarán no Libro de Ouro da cidade e recibirán un agasallo institucional, valorando a labor dos empresarios e dos traballadores destas tres sociedades, os do plantel actual e tamén os que exerceron en anos pasados e xa non están en activo. “Dos vinte e un concelleiros da corporación local vinte apoiaron no pleno esta iniciativa e un abstívose”, recordou Blanco.
Na xornada do 23 de novembro, coincidindo co Día de Narón, festivo local, as actividades comezarán ás 12.00 horas no Concello, co nomeamento como Fillo Adoptivo de Narón do escultor luso, hoxe asentado en Narón, Manuel Patinha, cuxos traballos se poden ver en varias instalacións e espazos públicos do concello. O acordo plenario desta distinción aprobouse por unanimidade nun pleno celebrado o pasado mes de abril. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas os actos trasladaranse á Praza 23 de novembro, en Santa Icía (A Solaina), donde ata ás 17.30 horas terá lugar o Festival Pequemiúdos, dirixido aos nenos e nenas, que terán a oportunidade de realizar instrumentos musicais con materiais de refugallo nun obradoiro e, entre as 17.30 e as 18.45 horas, presenciar a actuación do grupo de música infantil Gramola Gominola. O acto final deste día será ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, coa entrega dos premios do “VIII Concurso de Pintura Cidade de Narón”, que este ano repartirá preto de 3.000 euros en premios e no que participan artistas doutras cidades galegas, como Ourense e Pontevedra, entre outras, tal e como indicou Marián Ferreiro. A edil naronesa incidiu en que este venres, día 18, remata o prazo para presentarse a este certame.
Por último, o sábado 26 de novembro, ás 17.00 horas, celebrarase na parroquia do Val unha homenaxe ao exalcalde naronés (entre 1979 e 1985) Antonio Martínez Aneiros. A corporación aprobou no pleno unha proposta plantexada pola Asociación de Veciños “Os Irmandiños” do Val, e respaldada pola Fundación Terra de Trasancos e a Sociedade Deportiva O Val, na que se solicitaba dar o nome dunha rúa a Martínez Aneiros, e tamén a un complexo de instalacións localizadas na parroquia, formado entre outras polo centro médico, o local social, a escola, a pista polideportiva, unha praza e unha zona verde, que pasará a denominarse “Complexo Social Antonio Martínez Aneiros”.
A maiores, tamén durante o mes de novembro, programaranse outros actos, algúns a desenvolver desde finais desta mesma semana, para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A programación completa darase a coñecer o luns día 21, se ben a edil de Cultura avanzou que o sábado día 19 representarase a obra La asamblea de las mujeres e o día 25 haberá un concerto de soul do grupo Freedonia no Pazo da Cultura, cuxas entradas están xa á venda na billeteira do Pazo. Tamén o día 25 terán lugar unha Marcha Ciclista Escolar e unha ofrenda floral no Monumento á Muller, na Praza da Gándara.