A Esfolla
A chegada do outono e a recollida do millo dan paso na parroquia de Doso á recreación da tradicional esfolla do maínzo. Veciños e veciñas da parroquia rememoran xuntos aqueles tempos nos que se cultivaban grandes superficies de millo e todos se xuntaban para axudar nas tarefas da esfolla, deixando as espigas preparadas para despois coller o gran.
Cada ano varios carros de maínzo chegan á pista polideportiva de Doso escoltados por unha comitiva musical. Alí esperan decenas de persoas preparadas para colaborar na esfolla e que tamén teñen a oportunidade de ver a tradicional exposición de bonecos de maínzo, na que participan cada ano centos de escolares da localidade. A través do Padroado da Cultura, os nenos e nenas aprenden a elaborar os seus propios bonecos de maínzo, axudados por persoal que previamente lles explica nas aulas a tradición da esfolla en Galicia.
A cita da esfolla en Doso ten ademais un apartado gastronómico, no que se anima á veciñanza a elaborar sobremesas con produtos de tempada –cabaza, maínzo, castañas…- e que tras valorarse a súa calidade se degustan de xeito comunitario na propia xornada da esfolla.
Co fin de ambientar a cita son cada ano moitos os veciños e veciñas, e tamén visitantes, que acoden vestindo roupas típicas de principios do século XX.