XIII Mostra da Camelia Cidade de Narón

luns, 30 de Xaneiro de 2017

A décimo terceira edición da Mostra da Camelia “Cidade de Narón” terá lugar os días 11 e 12 de febreiro no Centro Comercial Dolce Vita Odeón.

Los representantes de la Asociación Galega da Camelia agradecieron la colaboración del Ayuntamiento de Narón

As edís de Feiras e Mercados, Mar Gómez, e de Turismo, Natalia Hermida, presentaron esta mañá o evento acompañadas por Eusebio López, vicepresidente da Asociación Galega da Camelia; Manolo Pico e Manuel Cruz, secretario e tesoureiro, respectivamente, da citada entidade. A convocatoria inclúe a novena edición do Concurso de camelia “Cidade de Narón”, no que se repartirán varios premios.

As persoas interesadas en participar no certame poden anotarse, de balde, ata o 10 de febreiro a través do número de teléfono 660 599 700 ou do correo electrónico: asociaciongalegadacamelia@gmail.com, onde poderán tamén solicitar máis información sobre este evento.

A edil de Feiras e Mercados, Mar Gómez, anunciou que a convocatoria se inaugurará oficialmente o sábado día 11 a partir das 17:30 horas, e a continuación terá lugar a entrega de premios. Previamente, ás 09:00 comezará a montarse a mostra en Odeón e ás 13:00 horas o xurado comezará a calificar os lotes presentados polos participantes no concurso. Cada expositor-concursante poderá presentar un máximo de dez lotes de flor, tal e como se estipula nas bases do certame.

Haberá premios para as mellores camelias xapónica, reticulata, especie de camelia, híbrido de camelia, flor miniatura, cultivador-expositor e á Mellor composición artística colectiva, podendo participar nesta última modalidade as agrupacións que representen a un colectivo (asociacións veciñais, entidades culturais, etc.). A mostra poderá verse o sábado ata as 22:00 horas e tamén o domingo, de 10:00 a 18:00 horas. 

Na última xornada, o domingo, programouse unha visita ao xardín de camelias de Xosé María Rivera Arnoso, localizado no termo municipal de Fene, sobre as 16:30 horas e no que ademais de centos de variedades de camelias hai un milleiro de árbores e arbustos procedentes de tódolos continentes, tal e como indicou Eusebio López.

Está xa confirmada a asistencia á “XIII Mostra da Camelia Cidade de Narón” de persoas procedentes de Cantabria, Asturias, Portugal e tamén das provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo, tal e como aseguraron desde a Asociación Galega da Camelia, con sede no municipio naronés (na Rúa Río Vespasante, en Piñeiros). Así mesmo, destacaron o feito de que, ao igual que en edicións anteriores, se prevé contar na citada mostra cun milleiro de variedades de camelia, entre puras e híbridas, co que os asistentes poderán ver unha gran diversidade de tipos de flor desta especie.

Os representantes da Asociación Galega da Camelia agradeceron a colaboración do Concello de Narón, un ano máis, nesta convocatoria. Pola súa parte, a edil de Turismo, Natalia Hermida, valorou o traballo que realizan os representantes do colectivo para poder organizar cada ano esta Mostra na cidade. “Trátase dun dos eventos polos que apostamos firmemente desde Turismo na época de inverno, por considerar que ten unha importante repercusión no noso municipio e na comarca e, ao tempo, permítenos desestacionalizar as actividades dirixidas ao sector desde o goberno local”, destacou Hermida.

O Concello de Narón conta ademáis cunha variedade propia, a camelia “Cidade de Narón, cunha flor de cor vermello intenso e creada por Eusebio López. Cando a árbore teña o tamaño axeitado plantarase no Parque Fluvial do Río Freixeiro, donde xa hai máis de catrocentas especies de camelias.