A parroquia de Sedes organiza a I Festa Gastronómica no campo da igrexa de San Estevo

venres, 10 de Maio de 2019

Será o vindeiro 8 de xuño, a partir das 19.30 horas, no campo da igrexa de San Estevo.

A Comisión de Festas de San Estevo de Sedes e a Asociación de Veciños Rosa dos Ventos organizan, en colaboración co Concello, a primeira edición da Festa gastronómica da parroquia. A concelleira de Festas, Mar Gómez, Rubén Ramos, da Comisión de festas, e Manuel Ángel Rico e Enrique Rodríguez, da AVV Rosa dos Ventos, de Sedes, presentaron onte a convocatoria, que terá lugar o vindeiro 8 de xuño, a partir das 19.30 horas, no campo da igrexa de San Estevo, baixo unha carpa instalada para a ocasión. 
    
Os asistentes terán a oportunidade de degustar un menú a base de bolas na sartén e liscos, acompañados con pan, viño e auga ou leite. O prezo de cada unha das racións, que se servirán nunha taza decorativa que se levarán como agasallo, é de seis euros, e os tickets poderán adquirirse o propio día do evento.
    
A xornada estará amenizada por un grupo musical, tal e como avanzaron dende a organización, que agradeceu o respaldo prestado desde o Concello para poder celebrar este evento.
    
A concelleira de Festas, Mar Gómez, animou ás veciñas e veciños tanto de Narón como doutros concellos a acudir a esta cita gastronómica, amosando a súa confianza en que teña continuidade en vindeiras edicións grazas ao traballo desenvolvido tanto pola Comisisón de Festas de Sedes como pola AVV Rosa dos Ventos.