A alcaldesa e a concelleira de Turismo entregaron onte os premios do “X Concurso de Fotografía Cidade de Narón”
As doce imaxes mellor valoradas polo xurado ilustrarán un calendario de sobremesa que as veciñas e veciños poderán recoller en decembro.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, entregaron onte pola mañá no Concello os premios correspondentes ao “X Concurso de Fotografía Cidade de Narón”. Foi un veciño de Narón, Daniel Lois Otero, o gañador do primeiro premio, dotado con 750 euros, pola imaxe “Lopesa Galáctica”. O segundo premio foi para Marcos López Alonso, de Ferrol, por “Lavorando na feira”, que obtivo 300 euros, e o terceiro para Alberto Leiras Cabanillas, que gañou 150 euros pola imaxe “O meigo da Pena Molexa”. Marián Ferreiro e Natalia Hermida felicitaron aos tres gañadores desta edición do certame polo premio e destacaron a calidade das imaxes presentadas ao certame. “Un ano máis, editaremos coas doce imaxes que obtiveron a mellor puntuación do xurado un calendario de sobremesa que, unha vez editado, nos primeiros días decembro poderán recoller os veciños e veciñas no Concello” avanzou a alcaldesa.
Os tres premiados explicaron como e cando realizaron as imaxes presentadas a esta edición do certame e agradeceron o premio recibido por obter as tres mellores puntuacións. Tres fotógrafos profesionais, Carlos Carballeira, Kiko Delgado e Jesús Taboada, formaron parte do xurado que se reuniu no Concello o pasado 29 de outubro para valorar 92 imaxes presentadas –baixo seudónimo- por un total de trinta e catro persoas de Narón e doutros concellos. O impacto visual, a calidade técnico-artística e a creatividade foron os aspectos que puntuaron –de 1 a 10- os integrantes do xurado. As persoas que desexen ver as imaxes que ilustrarán o calendario de 2020 poden facelo a través da páxina web do Concello de Narón, a través do enlace: http://www.naron.es/web/cat/gal/Concurso-de-Fotografia.