Animais dos bosques da ribeira do Río Xuvia
No noso camiñar pola natureza existen algúns animais moi esquivos que nos será moi difícil velos e que poderemos descubrir polas súas pegadas ou outros sinais que vaian deixando no medio.
Atoparemos algún cartel do TECOR Societario Narón, que se corresponde con terreos cinexeticamente ordenados, onde se pode practicar a caza.

O xabaril
Este mamífero, que pode chegar a pesar 100 kg, é moi común hoxe en día en Galicia como consecuencia do abandono do campo e a desaparición na zona de depredadores naturais coma o lobo.
Á parte da pegada do seu pezuño na lama, podemos atopar outros rastros ou sinais moi característicos do seu comportamento, como as fozaduras no chan que fai en busca de todo tipo de alimentos, raíces, tubérculos, insectos, vermes, etc., que localiza perfectamente co seu fino olfacto. Tamén poderemos ver os seus bañadeiros de lama ou os seus excrementos. Ás veces causa estragos nos cultivos onde entra para alimentarse de millo, patacas…
O corzo
Con aproximadamente 70 cm de altura, gústalle andar a partir da noitiña ou no amencer polos bosques, consumindo follas de arbustos, herba, pequenos froitos… Ao posuír un estómago moi pequeno, ten que comer a intervalos e logo descansar.corzo
Os machos son territoriais, e os seus cornos, de ata 23 cm de longo, cáenlle sobre novembro e vólvenlle medrar arredor de febreiro. Aparéanse en torno a agosto, permanecendo o embrión no útero sen desenvolverse e, a partir de xaneiro, comezan a xestación ata finais de maio. Este fenómeno proporciónalles un grande éxito reprodutor e maiores posibilidades de supervivencia para as dúas ou tres que crías que teñen.
Os corzos emiten un son chamado “ladrido”, semellante ao dos cans, polo cal poden ser recoñecidos.