Área Recreativa do Río Xuvia en Pedroso

Muíño na área recreativa de Pedroso

A área medioambiental e recreativa de Pedroso é un lugar para gozar do patrimonio. Contorna ideal para pasar un día en familia xunto ao río Xuvia, que en case todo o seu perímetro é Zona Natural Protexida.

Neste lugar, o río Castro únese ao Xuvia, sumando así as augas da serra de Forgoselo, que tamén forma parte do Espazo Natural ou LIC Xuvia-Castro (Coordenadas: 43°31' 16.66" N - 8° 06' 40.03" O).

Ao longo do seu percorrido, ademais do Castro, o afluente máis importante, verten as súas augas numerosos regatos, arredor de 30, abastecedores continuos de auga que fan aumentar o caudal do Xuvia. A cunca hidrográfica convértese así nunha grande árbore ramificada na que o Xuvia é un poderoso tronco.

Os pequenos ríos e regatos que alimentan o Xuvia teñen unha grande importancia ecolóxica porque son refuxio dos alevíns de peixe ata que van para o río grande ou ao mar.
 
Neste punto da desembocadura do río Castro, atopámonos co muíño de Entrerríos, restaurado polo Concello de Narón.

A intervención creou unha área medioambiental da que forman parte tamén o muíño do Chao ou da Muiñeira, un cámping e unha área recreativa.

Esta área habilita e pon en valor o espazo para que a sociedade poida gozar do medio natural e social próximo ao río, poñendo á disposición da xente unha serie de servizos necesarios para pasar un día de campo. É unha paraxe idílica con cámping, praia fluvial, uns antigos muíños restaurados, parque infantil, mesas e grelladas, zonas verdes, rutas de paseo, pontes, etc.

Como chegar

  • Accédese dende a autovía Ferrol Vilalba AG-64, saíndo dirección Xuvia pola AC-862 e desviándose cara onde xa está sinalizado a 1 km.
  • Tamén se chega por Neda, pola autoestrada Coruña-Ferrol, continuar ata O Couso e preguntar alí.

Contacto