Samaín

O remate da tempada estival e a chegada do outono marca unha nova cita ineludible no calendario festivo de Narón: o Samaín.

Esta celebración pagá de orixe celta leva cada ano á veciñanza da parroquia de San Mateo na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro a organizar conxuntamente co Padroado da Cultura de Narón varios actos con motivo do Samaín

Os nenos e nenas da parroquia e chegados doutros puntos do municipio e incluso da comarca preparan coidadosamente as súas cabazas nun obradoiro que se organiza especificamente para a ocasión. A xornada, que inclúe outras actividades como obradoiros de maquillaxe e contacontos, conclúe cada ano coa Comitiva de Luces e Tebras, que realiza un percorrido pola parroquia unha vez que cae a noite.

Tamén se convoca un “Obradoiro do Medo”, que consiste nun labirinto que se habilita xeralmente na antiga escola de San Mateo e onde as persoas que acceden a este experimentan unha serie de vivencias tenebrosas, propias do Samaín.

A música e degustacións gastronómicas completan cada ano esta convocatoria festiva na que o misterio e os conxuros para combater os malos espíritos forman tamén parte desta festividade, con grande arraigamento en moitas cidades de Galicia, entre elas a de Narón.