Ruta Pena Molexa - Monte da Lagoa

O meigo de Pena Molexa (3º premio Concurso de Fotografía 2019)
Ruta Pena Molexa - Monte da Lagoa

Este roteiro combina as paisaxes de natureza escarpada nos seus pronunciados cantís e a tranquilidade do Val de Trasancos cara ao interior, ideal para os amantes da fotografía.

Fai clic enriba de cada punto de interese para escoitar a descrición en galego, castelán ou inglés.

Punto 1: Ruta Pena Molexa - Monte da Lagoa integrada na Costa Ártabra

Coñécese como costa Ártabra a situada ao noroeste da costa de Galicia, entre as rías de Ares e de Ortigueira. Ademais das impresionantes vistas e a súa natureza virxe, a costa Ártabra destaca por ser un lugar declarado de alto interese xeolóxico debido á variedade e antigüidade das súas rochas.

Toda a zona está declarada como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) polos seus ecosistemas e peculiaridades. Está considerada como Espazo de Interese Paisaxístico e a estes valores engádeselle a singularidade de múltiples elementos, desde os numerosos faros, santuarios ou a Serra da Capelada, ata os cantís máis altos de Europa.

No conxunto que engloba a Costa Ártabra destaca o territorio coñecido como “Monte da Lagoa”, presidido por un cercado do Neolítico Inicial: o primeiro “causewayed enclosure” ("valado prehistórico" en inglés) documentado e publicado (1999) en España, e cada un dos distintos elementos materiais e inmateriais pertencentes ao Concello de Narón que compoñen este singular territorio que é parte vertebral da Costa Galega.

O Monte da Lagoa, coma os seus parentes europeos, tiña no Neolítico a función de recoller o gando polas noites e unha función cerimonial derivada de dividir o ano en dúas partes: unha clara, a partir do 1 de maio coa subida do gando ao monte, e unha escura, a partir do 1 de novembro coa baixada do gando ao Val de Trasancos.

Son puntos destacados nos percorridos:

  • Pena Molexa, extraordinario monumento megalítico que sinala a ascensión da lúa chea no solsticio de verán do ano metónico.
  • Pena Lopesa, Campo do Avial e O Casal, os tres na liña de costa entre as ermidas de Santa Comba e Santo André de Teixido (santuarios e lugares de peregrinación dos galegos cheos de lendas e misticismo).
  • Resulta impresionante o pico do Monte da Lagoa, desde onde se divisa toda a comarca de Ferrolterra e onde podemos vivir e entender a maxia que nos ofrece este territorio.
  • Por último, o Castro de Vilasuso consérvase coa súa muralla e foso, dominando o fértil territorio do Val.

Esta ruta combina as paisaxes da natureza escarpada nos seus pronunciados cantís e a tranquilidade do Val de Trasancos cara ao interior, ideal para os amantes da fotografía.

O trazado é en forma de oito, comeza e remata no mesmo lugar e ofrece a posibilidade de visitar só un dos circuítos:

  • Circuíto A: Pena Molexa. 5.140 m. 
  • Circuíto B: Pena Molexa – Monte da Lagoa. 12.150 m.

Punto 2: Pena Molexa - A Barca lunar

Este singular conxunto  megalítico, que tes diante, está composto dunha pena en forma de disco lunar colocada sobre enormes penas en forma de barca. A Pena Molexa, é o megalito que concentra máis lendas de Galicia. Todas elas sobre o concepto Celta de Soberanía Sacra.

O conxunto  megalítico de “A Pena Molexa” atende polo seu emprazamento á relación co territorio que da contorna, o seu neutro valor enerxético, a técnica construtiva coa que foi erixida e a articulación dos seus elementos considerada como unha “Barca Lunar” megalítica de máis de 8.000 anos de antigüidade. Considerado un observatorio astronómico precedente ao de Cromlech de Os Almendres en Portugal (de 8.000 anos de antigüidade) ou do famoso Stonehenge (de 5.100 anos de antigüidade).

A Pena Molexa tería tamén a función de “pousadoiro”, e servir para que a comitiva fúnebre puidese escenificar – manifestación mantida viva ata hoxe-  a recolleita da alma do rei, tras superar unha proba pola Moura (muller da mitoloxía galega) e posterior transporte na barca lunar a Omórika (o Máis Aló).

A enorme antigüidade sitúa no conxunto a orixe luni-solar,  das crenzas do destino da alma do príncipe transportado pola lúa –o mito de  Endimion- por  Reve, a “Ascendente Lúa”, na súa barca lunar vencellándose a lúa á última viaxe de príncipes e reis nunha barca que navega ao Máis aló conducida pola lúa.

“Sexa eu a protectora para os que non a teñen,
sexa unha guía para todos os viaxeiros no Camiño;
Sexa eu unha ponte, unha barca e un bote
Para todos os que queiran cruzar [Alén do Mar]”.
A deusa védica REVATI - Shantideva

A Pena Molexa seguramente tamén servía aos primeiros celtas e indoeuropeos para axustar o ciclo metónico e establecer o calendario. Así a súa orientación permite que no día que sae a maxestosa lúa chea, no solsticio de verano, iluminarse á enorme roca cunha tenue luz de tons violetas segundo quen o presencie.

Lendas da Pena Molexa

As lendas sitúan na Pena Molexa o big bang do concepto de Realeza Sacra - Sacral  Kingship - e as cerimonias celtas de entronización real.

Unha lenda conta que a Pena Molexa, fíxoa unha muller vella co dedo maimiño; outra lenda conta que na noite de San Xoan, unha casamenteira  moura nova, sae a mostrar o seu ouro, sometendo aos pretendentes que esa noite pasan pola pena a unha proba. Os mozos deben escoller a peza de maior valor, pero se escollen a peza de ouro de maior peso, a Moura desaparece e o obxecto escollido convértese en carbón. Para outros o conxunto de Pena Molexa  é un rei cos seus cabaleiros convertidos todos en pedra por non pasar a proba. Cada noite de San Xoan, recobran o seu aspecto humano e cabalgan de novo esa noite. 

Contan tamén que nesa noite de San Xoan sae un feitizo da Pena Molexa con tres mulas de ouro que marchan para o mar se ninguén as libera do feitizo.

Punto 3: Pena Lopesa

A Pena Lopesa son os restos dun antigo castro e dunha fortaleza medieval desaparecida polo efecto da erosión mariña.

É un dos moitos castros Galaicos destruídos polas forzas do mar nos promontorios da costa Atlántica na Idade de Ferro.

A erosión mariña, separou, a finais da Idade Media ou na Idade Moderna a Pena Lopesa do Monte da Lagoa, formando unha áspera e inaccesible península penetrada no mar con paredes verticais de 42 metros de altura. A pena tiña na antigüidade unha fonte de auga doce.

O pequeno camiño que provén de Pena Molexa ata Pena Lopesa é un dos máis fermosos e interesantes do tramo do itinerario que leva ata Santo André de Teixido. A grandiosa natureza virxe, dominante sobre o Océano Atlántico e o Val de Trasancos, asolagando todos os sentidos en pouco máis dun kilómetro convérteo nun lugar único inmutable co paso dos séculos. 

Coa vista do Océano Atlántico podemos emprender a perigosa baixada ao cantil para contemplar a impresionante Pena Lopesa: os restos dun castro costeiro, desaparecido, convertido case nunha illa pola acción do mar. Unha grande fenda separou a Pena Lopesa dos Montes de Vilarquinte formando unha península ao derrubarse, un cantil de inaccesibles paredes verticais.

Apareceron restos de cerámica, e outros restos, confirmando a súa ocupación en torno ao cambio de era.

A Lopesa é un dos centos de castros atlánticos destruídos pola forza do mar, dos que os mariñeiros contan vellas historias nas longas noites de inverno.

Di a lenda que na Pena Lopesa, no tempo dos “Mouros”, seres míticos galegos, un poderoso rei custodiaba un fabuloso tesouro.

O rei saía a cazar aos montes de Vilarquinte estendendo unha ponte levadiza e virando as ferraduras do seu cabalo para enganar a reis inimigos que querían roubarlle o seu tesouro. 

Un día estes reis reuniron un gran exército e acamparon no monte, fronte a Lopesa. Tras anos de asedio, e case a piques de renderse pola fame, o rei de Lopesa ofreceu aos paxaros a última medida de trigo que tiña. Entón os asediadores, levantaron o cerco e marcháronse pensando que o Rei Mouro tiña comida para moitos anos.

Praia de Lopesa

A praia de  Lopesa ten unha lonxitude de 20 metros e unha anchura mínima de 10 metros, con moita variación por causa das mareas. O chan desta praia está composto por cantos rodados e rocas dos frecuentes derrubes da costa. O seu acceso non é aconsellable pola súa gran dificultade.

Punto 4: Campo do Avial

Desde este lugar, Campo do Avial, pódese asomar á cala de Hortiña, pequena cala con moito encanto. Resulta complicado o seu acceso ata para os máis aventureiros, quedando desafortunadamente cuberta pola marea alta. Pero desde o alto do cantil gozaremos dunha impresionante panorámica.

Praia da Hortiña

Os peregrinos, camiñantes e sendeiristas emociónanse diante da inmensidade do océano cando realizan o antigo Camiño Costeiro de Santiago e de Santo André, antes de bordear o Cabo Prior ata San Cristovo das Serpes e as súas áreas do Paraíso, salvando os Montes da Lagoa e Vilarquinte, O Val, Terra de Trasancos e entre os máis altos cantís de Europa. 

Cada pedra deste camiño ten un nome propio, garda unha historia ou un secredo. Aquí, a marcha a pé ten a súa recompensa na intimidade das pequenas calas escondidas nos ocos dos cantís: as escondidas praias de Lopesa, Hortiña, e de O Casal.

A cala da Hortiña ten moito encanto por conservar indemne a súa integridade do litoral e tres illotes percebeiros de grande calidade e importancia económica.

Aínda que de moi difícil acceso, hoxe reservado só aos expertos percebeiros, resulta complicado ata para os máis aventureiros. Gozamos da impresionante panorámica do cantil, refuxio das colonias de aves mariñas e adornado polo caravel mariño, orquídeas e flores salvaxes
 

Punto 5: O Casal

Pequena cala con moito encanto. Resulta complicado o seu acceso, quedando enmarcada por tres puntas moi características desta abrupta costa: Punta Castelo, Corveiro e Ferruseda.

Praia do Casal

Neste tramo da costa descobres praias de fina area, como esta praia do Casal, unha longa praia con auga doce, alimentada polo regacho de Vilarquinte, escondida entre os cabos rochosos e estratéxicos saíntes onde se pesca unha excelente e esquiva robaliza. 

Aínda que se pode acceder a ela, é unha praia de difícil acceso. Esta praia permite observar unha gran diversidade tanto de flores salvaxes e de especies mariñas, como de minerais. O traballo do mar crea unhas rocas moi peculiares. Illas e illotes cheos de lendas sucédense e adoptan formas e cores diferentes. Cada hora a costa cambia e modifícase con maxia propia.

Manteñen os habitantes do lugar que a Punta Ferruxeda, a Punta do Corveiro e a Punta do Castelo, son obra dunha vella que os transportou alí na súa cabeza mentres fiaba a roca... que son reis dormentes cos seus exércitos de pedra... que son morada de ananos e mouros, como o que sae da Fonte dos Tras Alcaldes a noite de San Xoan tocando unha gaita de ouro.

Punto 6: Monte da Lagoa

Atopámonos en Vilarquinte para acceder a Monte da Lagoa, un impresionante miradoiro para gozar dunhas marabillosas vistas, onde atopamos un punto xeodésico.

A cima do Monte da Lagoa dividía, ata 1940, tres parroquias: O Val, Mandiá e Covas, e os concellos de Narón e de Serantes, hoxe Ferrol, moi próximo atópase a chamada “Fonte dos Tres Alcaldes” onde, segundo a lenda, a noite de San Xoan, ábrense ese día de pao a pao as portas que comunican o noso mundo co Alén, escóitase a marabillosa música dun mouro gaiteiro tocando unha gaita de ouro.

Neste punto alto atopouse o Cercado Neolítico do Monte da Lagoa, que foi o primeiro descuberto en Galicia e en España deste xénero. Este Cercado era de forma redonda, ben defendido por un foso e un muro de pedra, chamado “curro vedro”, onde se gardaba o gando en época de verán.

A subida do gando aos montes de Vilarquinte no verán e a baixada ao Val de Trasancos no inverno segundo a tradición dos pastores e agricultores neolíticos, era un acontecemento de gran relevancia social, e por iso os celtas da área Cultural Atlántica de Europa dividían o ano en dúas metades. 

O primeiro de maio, comezaba o verán celta, levando o gando ás brañas “pastos de fresca herba”, recollendo neste cercado pola noite, ao abrigo dos lobos.  Así o primeiro de novembro, co comezo do inverno celta, volvían co gando a O Val, e a seguridade e calor dos castros.  

Estes cercados  neolíticos para o gando da Europa Atlántica –explican o misterio, e a razón das celebracións celtas das festas dos “maios”, tanto como a celebración das festas dos defuntos. Maio e Novembro, datas irrelevantes para a agricultura, son fundamentais para o gando maior, base da riqueza na economía mixta  agropecuaria. Deste xeito os cercados Neolíticos cumprían unha función económica e protectora do gando, e tamén cerimonial. 

Punto 7: Castro de Vilasuso

Antigo castro, hábitat celta da Idade do Ferro atlántico, que conserva o foso e os muros defensivos típicos das aldeas galaicas. Ao pé dun interesante outeiro de media ladeira cun dobre sistema defensivo. 

Como todos os castros galegos, Vilasuso ten lenda propia. A véspera do primeiro de Maio, unha xigantesca cobra con ás e con todo o seu corpo cuberto de cunchas sae do castro.

É unha serpe boa que nunca fixo dano a ninguén”, pero intimidados polo seu fero aspecto os homes perséguena armados para matala polo monte que está fronte ao castro, con restos dun lugar de culto celta e un interesante petróglifo, ata hai pouco o único coñecido do Concello de Narón. A serpe foxe polos Montes de Vilarquinte ata a chamada “Casa do Martuxo”, onde tras bailar facendo unha roda, precipítase polo cantil e desaparece entre as ondas do mar. 

Información adicional
Saída: 
Pena Molexa
Chegada: 
Monte da Lagoa
Dificultade da ruta: 
Baixa
Lonxitude: 
Circuíto A: Pena Molexa. 5.140 m.  | Circuíto B: Pena Molexa – Monte da Lagoa. 12.150 m.