Espectáculos, obradoiros e libros para festexar na Praza da Lectura o Día das Letras Galegas

luns, 23 de Maio de 2022

A Praza da Lectura, nas Vivendas da Mariña (Santa Icía) acolleu o 17 de maio os actos deseñados polo Concello con motivo do Día das Letras Galegas, adicado este ano ao autor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.

O programa “N de Narón, a festa das letras” incluía varias propostas, todas elas de balde, dirixidas a público familiar e comezou a desenvolverse baixo unha carpa instalada na zona ás 12.00 horas, co espectáculo “Diferentes diferenzas”, de Silvia Penide. Os valores, o respecto e a admiración ás persoas, animais e cousas centrou esta proposta que incluíu un apartado para que as nenas e nenos aprendesen palabras básicas en lingua de signos.

Ás 12.45 foi o turno de Xarope Tulú, que representou a peza de teatro interactivo, “Rilla, Rilla”, a través do que aprender galego e moi dinámico, para que o público, que foi o protagonista, tivese a oportunidade de interactuar.

A programación retomouse pola tarde ás 16.00, cun obradoiro de pintura sobre cartón reciclado: “Obradoiro das Efémeras”. As persoas que desexaron participar puideron confeccionar as súas propias ás con pintura e cartón reciclado, entre outros materiais. Ás 17.00 horas Jara Ortiz representou o espectáculo “Lúa triangular”, protagonizado por unha rapaza chamada Marta e unha píntega, de nome Oli, que viaxan xuntas ao Mundo dos Contos, donde vivirán varias aventuras. Sobre as 17.45 horas, comezou “A ovella Engracia”, unha proposta de narración oral e música de Aldaolado sobre a primeira ovella contadora de historias do mundo. O programa de espectáculos pechárono ás 18.45 horas As Efémeras, co concerto do Día das Letras Galegas.

Durante todo o día participaron tamén na conmemoración do Día das Letras Galegas organizada polo Concello na Praza da Lectura as librarías locais Day e Pasapáxina. Na primeira delas organizáronse sinaturas de libros, sendo esa mañá o turno de Miguel Anxo Romero, con “Voces do tempo” e pola tarde ás 17.30 están programadas as de Leandro Lamas, con “O asubío do avó” e Paula Merlán, con “A rede de Inés”.

A Biblioteca municipal de Narón saíu tamén á citada ubicación, donde se podían ver varias publicacións do autor homenaxeado este ano e tamén algunhas das últimas novidades editoriais.

Dende o Concello, a través do Servizo de Normalización Lingüística distribuíronse un ano máis materiais divulgativos entre as librarías da cidade, concretamente bolsas coa imaxe de Florencio Delgado Gurriarán para que embolsasen as compras dos últimos días. Ademais, entregáronselles aos libreiros e libreiras rótulos para os escaparates e adhesivos para os agasallos, incluidos estes últimos no programa “Narón gaña co galego”, proxecto encamiñado a dinamizar o uso do galego no comercio local. Nestas propostas participaron, ademais das librarías Day e Pasapáxina, os establecementos Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros e Fina.