O Concello abre hoxe o prazo de inscrición na xornada formativa dirixida a obradores interesados en elaborar e comercializar a “Tarta de Narón”
O Concello de Narón, a través da concellería de Turismo, dirixida pola edil Natalia Hermida, organiza unha xornada de formación que se desenvolverá o vindeiro xoves, 22 de xuño, dirixida aos obradores interesados en elaborar e comercializar a “Tarta de Narón”, o produto gastronómico de pastelaría xenuíno e representativo da cidade.
Este doce de produción propia, cunha receita cedida polos propietarios da pastelería Santy Otero (Santa Icía), está pensado tanto para compartir en festas-celebracións de carácter familiar e social, como para agasallo a turistas e persoas que por calquera outro motivo visitan Narón, neste sentido é un "doce de viaxe”.
Aqueles e aquelas profesionais de obradores interesados en inscribirse nesta xornada formativa, a cargo de Santy Otero Amoedo, propietario da pastelería Santy, deben achegar os seus datos -nome e apelidos, nome establecemento, razón social (de tratarse dunha empresa), correo electrónico, localidade e teléfono- ao enderezo electrónico: me.mendez@naron.es entre o 12 e o 16 de xuño (incluídos). A actividade formativa terá lugar o día 22 deste mes no Centro de Formación Irmás Froilaz (Avda. do Mar, 115, A Gándara) en horario de 17.00h a 20.00 horas.
A “Tarta de Narón” é unha marca rexistrada polo Concello de Narón, acompañada dunha imaxe do muíño das Aceas e as chaves do escudo da cidade. Esta elaboración de Pastelería Santy con intenso sabor a noces e que non leva glute, polo tanto é apta para persoas con celiaquía, foi valorada por un comité de expertos do mundo da pastelería e gastronomía e formará parte das vitrinas dos establecementos que a desexen ofrecer como reclamo turístico e gastronómico.
O uso da marca “Tarta de Narón” está suxeito a un regulamento municipal e ao cumprimento dun manual corporativo na súa comercialización que se aprobou no pleno do pasado mes de maio. A tarta tamén se concibe, tal e como recordou Hermida, “como un produto degustación que nos representará en eventos de carácter institucional, turístico e promocional do territorio poñendo en valor a nosa riqueza pasteleira”.
Prevese que a súa comercialización sexa a partir do vindeiro mes de agosto, logo dunha presentación institucional prevista a finais de xullo. Todos os establecementos que a comercialicen estarán identificados a través de cartelería e adhesivos coa imaxe de marca rexistrada para a súa fácil localización e recoñecemento como locais adheridos. A “Tarta de Narón” terá un apartado específico na web municipal, onde aparecerán os establecementos autorizados para a súa venda.
Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1204) ou ao 638 799 734.