O Concello colabora na organización do "II Torneo benéfico aberto PoolStar Golf Cidade de Narón" que terá lugar esta fin de semana no Val
As instalacións do Club de Golf Campomar, no Val, acollerán os días 1 e 2 de setembro o "II Torneo benéfico aberto PoolStar Golf Cidade de Narón", organizado polo Concello e o citado clube.

O edil de Deportes, Román Romero, e Juan Sousa, cofundador do PoolStar Golf, presentaron esta mañá o evento no Concello. A recadación das inscricións destinarase á Asociación de Pais e Nais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes) e tamén se instalará unha urna para que as persoas que acudan como acompañantes poidan realizar algún donativo. A día de hoxe a organización ten contabilizados un total de setenta inscritos neste torneo e confía en superar o centenar, tal e como apuntou Sousa.
O evento desenvolverase o venres a partir das 15.00 horas e o sábado en horario de mañá e de tarde, desde as 9.30 e ás 15.00. As persoas que desexen participar poden facelo contactando co Club de Golf Campomar, a través da súa páxina web - http://www.clubcampomar.com/ - ou por teléfono – no 981 453 910 ou no 663 123 398 -. Para participar o venres é preciso anotarse como prazo límite ata mañá xoves e para o sábado poderán inscribirse ata o propio venres.
Haberá premios para o primeiro clasificado na modalidade Scratch; a Mellor dama; o Mellor Junior; os primero e segundo clasificados nas tres primeiras categorías e tamén se concederán aos mellores aproach solidarios dos foxos 1 e 10 e os 7 e 16. Todos os premios entregaranse o sábado sobre as 20.00 horas nas instalacións do Club de Golf Campomar.
Os golfistas que participen no torneo optarán a diversos agasallos, máis de medio cento doados por unha trintena de empresas colaboradoras con este evento. Entre os mesmos figuran: estancias en hoteis, material deportivo, equipos de audio, ceas, tratamentos de saúde, reloxios, equipamento informático, e diversos produtos galegos. Ao remate do sorteo, haberá unha sesión de fogos de artificio e servirase paella – a un prezo simbólico de dous euros - e cócteles aos asistentes. A sesión estará amenizada con música en vivo co grupo Parranda la nuestra, tal e como indicaron desde a organización.
“Este é o torneo máis importante da historia do noso clube, e tamén moi relevante para a Federación Galega de Golf, que apoia este evento, pero queremos destacar que non sería posible organizalo nin a súa continuidade sen a colaboración do Concello de Narón”, subliñou Sousa.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes destacou a traxectoria do Pool Star Golf no ámbito deportivo e valorou o feito de que este torneo alcance este ano a súa segunda edición. “Desde o goberno local é moi satisfactorio poder colaborar na organización de calquera evento, e máis aínda cando como neste caso ten un fin solidario, co que todas e todos os xogadores e o público asistente poderemos contribuír cunha boa causa”, asegurou Román Romero, animando á cidadanía a asistir ao torneo.
Descarga o Cartel do "II Torneo benéfico aberto PoolStar Golf Cidade de Narón":