O Concello e a AVV A Naveira organizan unha nova edición da Festa do lisco de Doso
A concelleira de Festas, Natalia Hermida, presentou a programación xunto con José Ángel Rodríguez, Jorge Fernández e Eloy Ameneiros, presidente, tesoureiro e vogal, respectivamente da entidade veciñal.
O evento desenvolverase o vindeiro 20 de maio a partir das 13.00 horas na pista polideportiva de Doso, onde se instalará un toldo para a ocasión, tal e como avanzou Hermida, se ben os liscos poderán degustarse a partir das 14.30 horas, segundo avanzaron.
O menú previsto para a xornada será a base de, liscos á brasa, paella, pan, cachelos, bebidas, café e bola. As persoas interesadas en asistir poden adquirir xa os tickets no local social –ata o 17 de maio-, a un prezo de 15 euros para os mercados por persoas socias da AVV A Naveira e de 20 para os adquiridos por persoas non socias. Os e as menores de 12 anos poderán comer de balde, se ben deberán anotarse previamente. As persoas que desexen contactar coa entidade veciñal de Doso poden facelo chamando aos números de teléfono 646 925 003 ou 626 574 597.
A Festa do lisco de Doso contará tamén cun apartado musical, que comezará coa sesión vermú ao mediodía, na que actuará o Dúo Horizonte, e baile despois do xantar.
A edil de Festas e os representantes da AVV A Naveira animaron ás veciñas e veciños a asistir a esta cita gastronómica, moi consolidada tanto na parroquia na que se leva a cabo como no resto da cidade e que reúne cada ano a numerosas persoas. Hermida destacou tamén o traballo que realiza a entidade veciñal de Doso para manter viva esta convocatoria.