O Concello estrea a web oficial de Turismo “Narón para os teus ollos”

venres, 21 de Abril de 2017

A edil de Turismo de Narón, Natalia Hermida, presentou esta mañá a nova páxina web oficial desta área: “Narón para os teus ollos”.

Neste portal as persoas interesadas en coñecer máis polo miúdo a cidade poderán facelo a través dunha contorna dimánima, con soporte para dispositivos móbiles e que se pode consultar en galego e castelán. “Trátase dunha iniciativa na que levamos traballando un tempo e que presentamos hoxe, orgullosos do resultado e coa confianza en que sexa do agrado tanto das veciñas e veciños de Narón como de todas aquelas persoas que accedan á mesma a través doutros concellos”, asegurou Hermida. 

Unha vez no portal, os internautas poden visualizar facilmente a información que precisen sobre as áreas: Comercial, Industrial, Festas e Feiras, Rutas, Patrimonio Cultural e Etnográfico e Espazos Naturais da cidade. “Os visitantes da páxina poderán descargar guías turísticas da cidade e tamén acceder dun xeito moi sinxelo á web do Padroado da Cultura de Narón, así obter  completa información sobre os recursos naturais, patrimoniais e eventos de diversas áreas”, apuntou a edil naronesa. Tamén hai un apartado específico sobre actualidade, donde se poderán consultar as novas relacionadas coa cidade e enlaces directos á web de Turismo Ferrolterra, a opción para descargar a APP Ferrolterra Rías Altas, da Mancomunidade, e entrar na web de Turgalicia. Así mesmo, á nova web de Turismo pódese acceder desde a páxina do Concello: www.naron.es.

Neste portal están publicadas as imaxes seleccionadas como finalistas nas sete edicións do Concurso de Fotografía Cidade de Narón –organizado pola Concellería de Turismo- nas que se amosan moitos dos rincóns de maior beleza tanto da zona urbana como rural da localidade. Nos meses de verán habilitarase un chat coa Oficina de Turismo que habitualmente permanece operativa na cidade.

A edil destacou a integración do portal con redes sociais, neste caso, Facebook (Concello de Narón) e Instagram (turismo_naron), podendo seguir en tempo real as publicacións nas mesmas desde a páxina de Turismo de Narón. Tamén se poden consultar a través de You Tube algúns vídeos nos que se amosa parte do patrimonio e dos eventos máis destacados do concello naronés.

A páxina completarase periodicamente coa incorporación de información actualizada e novos recursos, como guías, trípticos e outro material de interese sobre o sector turístico na localidade”, subliñou Natalia Hermida.