O Concello ofrecerá información turística da cidade na xornada Primavera no Camiño Inglés
A concelleira en funcións de Turismo de Narón, Natalia Hermida, informou que o Concello de Narón estará presente nunha nova edición da campaña Primavera no Camiño Inglés impulsada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés en colaboración coa Deputación da Coruña.
O evento terá lugar o vindeiro 10 de xuño no Encoro de Beche, no concello de Abegondo, en horario de mañá e tarde, dende as 11.00 ata as 20.00 horas.
Actividades gastronómicas, culturais, baile, música, para crianzas, un mercado de artesanía, e outras propostas forman parte do programa, cuxa inauguración institucional se fixou para as 13.00 horas. A programación estrutúrase en tres espazos: un institucional e de feira turística, outro lúdico, con actividades infantís e culturais e un terceiro gastronómico e de mercado artesanal, tal e como avanzaron dende a organización.
A Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón actuará neste evento, no marco do espazo lúdico primavera, dende as 13.30 ata as 14.15 horas, tal e como avanzou Hermida. A concelleira explicou ademais que se instalará un stand informativo do Concello no que se ofrecerá información turística da cidade, ofrecendo ás persoas visitantes a guía de turismo “Narón para os teus ollos”, as rutas turísticas de “Pena Molexa-Monte da Lagoa”, “Ruta dos muíños”, ruta do Camiño a Santo André de Teixido, e o tramo do Camiño Inglés ao seu paso por Narón destacando “Narón 100” punto do paseo marítimo de Xuvia no que se atopa o hito de pedra que sinala que o/a peregrino/a está a cen quilómetros de Compostela, a distancia mínima para poder recibir a compostelá, e onde se localiza o indicador turístico “Narón Camiño Inglés”, de recente instalación. Así mesmo, haberá un espazo promocional do pemento do Couto, información sobre outras festas de interese gastronómico e turístico… entre outros recursos.
A programación ao completo pode consultarse a través da web: www.caminoingles.gal, do grupo de Facebook: camino ingles oficial e do Instagram: @camino¬_ingles_oficial.