O Pazo da Cultura acollerá esta fin de semana a estrea da obra teatral Bernarda

xoves, 31 de Xaneiro de 2019

A programación do mes de febreiro no Pazo da Cultura comezará cunha estrea teatral.

A compañía Malasombra Producións representará en Narón a obra Bernarda, protagonizada por Luisa Merelas, Celia González e Sabela Arán. A cita será o venres día 1 ás 20.30 horas e o sábado 2 ás 20.00 e as entradas dispoñibles poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es. O prezo é de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante. 
    
A obra Bernarda amosa un choque de xeracións entre as tres actrices que conforman o elenco desta peza, que recolle o punto de partida do clásico La casa de Bernarda Alba, de Federico García Lorca. O naronés José Prieto é o autor e director deste traballo, no que se conta a vida dunha muller que queda viúva e con dúas fillas mozas e que ten unhas costumes moi arraigadas que non coinciden coa sociedade do momento, a Galicia do ano 1975. A nai tenta que as súas fillas garden un rigoroso loito, pero elas apostan por un mundo distinto con códigos e condutas que non coinciden cos da súa nai.