O programa “Animarúa” traerá este domingo á Praza de Galicia baile, música, obradoiros e presentacións literarias

xoves, 15 de Decembro de 2022

O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, avanzou esta mañá a programación de Animarúa Nadal 2022, unha convocatoria que se levará a cabo este domingo, día 18, na Praza de Galicia.

Presentación Animarúa

"Temos un completo programa con propostas pensadas para persoas de todas as idades que se desenvolverán en horario de mañá e tarde e haberá tamén un sorteo dunha cesta con produtos de Nadal”, indicou.

A programación comezará ás 11.45, cunha exhibición de baile da academia Comparte á que seguirán dúas da academia Un Paso Adelante, unha ás 12.30 e outra de UPA Jump ás 17.00. Tamén haberá propostas de animación infantil, unha con Elfos a cargo de Tropa Clauss, ás 13.00, o espectáculo Cantabaila, de temática pirata ás 17.30 e obradoiros de maquillaxe e tatoos de purpurina dende as 18.45 horas. 

O apartado literario tamén estará moi presente neste evento, concretamente en horario de tarde, a partir das 17.00 horas. Tres escritores da comarca presentarán os seus libros nun espazo habilitado para ese fin. Os autores –autopublicados- serán María Isabel Cagiao, que escribiu “Gomets I” e “Gomets II”; Juan Galán, autor de “Romanza de los naranjos en flor” e “El eco de tu voz” e Isabel Ramos, que escribiu “Hasta el infinito y más allá”.

Finalmente terá lugar o concerto do grupo musical The Cruze, que versionará temas rock das décadas dos 70, 80 e 90 a partir das 20.00 horas. Entre todas as persoas que acudan ao concerto sortearase unha cesta con produtos de Nadal.

“Animamos ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a achegarse a Narón para desfrutar desta xornada que organizamos un ano máis e que confiamos en que sexa do seu agrado”, asegurou Pita.