Os obradoiros do programa municipal Prazas Vivas impartiranse esta fin de semana nas prazas de Galicia e da Gándara

xoves, 22 de Novembro de 2018

O programa Prazas Vivas contempla este ano un total de nove actividades en distintos puntos da zona urbana e rural da cidade. 

Trátase de propostas de balde, abertas á participación da cidadanía en xeral e que se concentran nas fins de semana, tal e como indicou a concelleira de Acción Social e Participación Cidadá, Catalina García. As primeiras sesións tiveron lugar no parque do paseo marítimo de Xuvia e no Centro Cívico Social do Val, se ben terán continuidade o vindeiro venres, día 23, na Praza de Galicia e o sábado día 24 na Praza da Gándara, en ambos casos de 16.30 a 18.30 horas.
    
“Quero animar ás veciñas e veciños de Narón, independentemente da súa idade, a participar neste programa comunitario, que ademáis de entreter e divertir fomenta valores como a cooperación, a solidariedade, o traballo en equipo, e a igualdade, ao tempo que impulsa propostas interxeracionais”, apuntou García.
    
No tempo en que se celebra a actividade os asistentes participan en actividades de grafite, circo e puzles xigantes, elaboración de chapas, circuíto de radiocontrol, deslizamento, xincana deportiva, globoflexia ou pintacaras. Un ano máis tamén a través deste programa poderase comezara a deseñar a decoración de carrozas que, da zona urbana e rural, participarán no desfile da Cabalgata Solidaria do Concello que terá lugar en xaneiro. 
    
A vindeira semana retomarase a programación o día 1 de decembro, nas instalacións da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña, en Pedroso –de 16.30 a 18.30- e o domingo día 2 na Solaina –de 12.00 a 14.00 horas-, na Praza da Constitución ou no pavillón Campo da Serra, en función das condicións meteorolóxicas. O día 8 de decembro será a cita no parque de Freixeiro, en Piñeiros –de 12.00 a 14.00- o 16 no Centro Cívico Social de San Xiao –de 12.00 a 14.00- e o 22 no pavillón de Sedes –de 16.30 a 18.30-.