Raid Cidade de Narón 2023
O Concello, a través do Padroado de Deportes, organiza esta proba de longa distancia co Club Gallaecia Raid, que forma parte da Liga Galega de Raids de Orientación 2023, e na que se combinan como medio de progresión a carreira a pé, a bicicleta de montaña, os patíns e o kaiak.
A proba foi presentada a semana pasada no Concello polo concelleiro de Deportes en funcións, José Oreona Bra, e a vicepresidenta do Club Gallaecia e da Federación Galega, Claudia Oreiro Chapela, informando de que a celebración deste evento deportivo terá lugar o sábado 10 de xuño de 2023, en horario de 10.00 a 19.00 horas e discorrerá por carreiros, pistas e estradas secundarias de baixa intensidade circulatoria dos concellos de Narón, Ferrol, Neda e Valdoviño.
O Raid Cidade de Narón 2023 trátase dunha carreira con base de orientación e resistencia, na que o percorrido é segredo para as persoas participantes, as cales só coñecerán devandito percorrido cando se lles entregen os mapas, no momento da saída e nas diferentes transicións. A Secretaría e Centro de Competición estarán sitas no Paseo Marítimo de Xuvia.
Todas aquelas persoas que desexen participar poderán realizar as inscricións na plataforma Tracktherace e a data límite para formalizar dita inscrición será o día 6 de xuño ata as 22.00 horas.
A proba estará regulada pola normativa aplicable aos raids de orientación, aprobada pola Federación Galega de Orientación (FEGADO) e a Federación Española de Orientación (FEDO).