Unha vintena de persoas inscribíronse no curso de “Turismo mariñeiro” do programa Narón emprende en azul

venres, 4 de Marzo de 2022

O curso estivo enfocado no turismo mariñeiro e nas novas vías de diversificación

Unha vintena de persoas inscribíronse no curso de “Turismo mariñeiro” iniciado na tarde do pasado mércores nas instalacións do Club de Golf Campomar, na parroquia naronesa do Val, tal e como indicou o concelleiro de Promoción Económica, David Pita. Trátase dunha proposta enmarcada no programa “Narón emprende en azul” e que conta co apoio do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte. O edil de Medio Ambiente, Santiago Galego, acudiu á presentación da convocatoria, impartida por profesionais na materia.

As sesións estiveron enfocadas ao sector do turismo mariñeiro e incidiron especialmente nas vías de diversificación da actividade pesqueira, atendendo ás posibilidades de crear novas fontes de ingresos sostibles á xente do mar e tamén mellorar a calidade de vida das zonas costeiras, tal e como se anunciou. 

Os novos modelos de negocio como futuro do sector, como é o caso do turismo mariñeiro, forman parte dos contidos que se impartirán durante estas tres xornadas. A posta en valor do traballo dos profesionais do mar, o deseño de proxectos para dalo a coñecer á cidadanía e a potenciación da diversificación pesqueira e económica do territorio forman parte dos obxectivos desta convocatoria.