A “XV Mostra da Camelia Cidade de Narón” inaugurarase mañá pola tarde nas instalacións do Centro Comercial Odeón

venres, 8 de Febreiro de 2019

Inauguración oficial da XV Mostra da Camelia Cidade de Narón ás 17.00 horas.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidirá mañá pola tarde, ás 17.00 horas, a inauguración oficial da XV Mostra da Camelia Cidade de Narón, organizada pola Asociación Galega da Camelia en colaboración co Concello de Narón. O presidente e o secretario da entidade, Edmundo Novoa e Manuel Pico, respectivamente, intervirán tamén ao inicio da convocatoria, á que acudirán outros representantes da corporación local naronesa e da Asociación Galega da Camelia. A cita será mañá e o domingo no Centro Comercial Odeón e contará coa participación de algo máis dunha trintena expositores.
    
As variedades de flor de camelio que se poderán ver esta fin de semana na cidade proceden de cultivadores de Narón e comarca, pero tamén doutros concellos como Pontevedra, O Porriño, Vilagarcía e Tui, entre outros.
Todos eles traerán as mellores especies de flor para optar a algún dos premios que se concederán no XI Concurso de Flor de Camelia Cidade de Narón, e que se entregarán xusto despois da inauguración da Mostra, mañá sobre as 17.30 horas. Previamente, na mañá do sábado procederase á montaxe da mostra a partir das 9.00 e ás 13.00 horas un xurado especializado puntuará os lotes dos concursantes. En total, premiaranse a Mellor Camelia japónica, a Mellor Camelia reticulata, a Mellor especie de camelia, o Mellor híbrido de Camelia, a Mellor flor miniatura, o Mellor cultivador-expositor e a Mellor composición artística colectiva (esta última modalidade habilitada para asociacións, entidades culturais, etc.).
    
A Mostra da Camelia Cidade de Narón poderá verse o sábado ata as 22.00 horas e o domingo de 10.00 a 18.00. Nesta xornada final programouse unha visita ao Xardín de camelias de Manuel Cruz, ás 10.30 horas, localizado na parroquia fenesa de Sillobre. Os interesados en acudir á visita deben anotarse previamente chamando ao teléfono 660 599 700.
    
Desde o Concello convídase ás veciñas e veciños de Narón e doutros concellos a asistir a este evento, un dos fixos nesta cidade desde hai xa quince anos.