Camiño a Santo André de Teixido
De toda Galicia, e incluso de fóra de Galicia van os peregrinos a Santo André de Teixido, pero o camiño clásico e o que aglutinaba aos romeiros que querían completar a súa peregrinación a Teixido partía precisamente de Narón, do Mosteiro do Couto, onde vemos hoxe o taboleiro anunciador da antiga ruta coñecida como Camiño Vello a Teixido.
Unhas frechas gravadas sobre táboas de madeira, colocadas oportunamente en cada cruce de camiños, vainos orientando na marcha.
A lenda
A lenda é de todos coñecida:
Cristo estaba percorrendo o mundo e, canso de andar, detívose en Teixido. Para recuperar forzas tomou unha mazá e cando a abriu atopou nela a Santo André. O Santo queixouse amargamente da súa situación, esquecido e abandonado naquelas afastadas terras. Xesús compadeceuse e prometeulle a Santo André que a súa romaría sería a máis visitada, xa que ninguén, nin morto, nin vivo, deixaría de acudir a ela.
Outras versións din que Xesús lle respondeu: “Queda aí Santo André, que quen non veña de vivo unha vez virá de morto tres”.
A ruta
O percorrido comeza entón no adro da igrexa de San Martiño. Aos 13 km de camiño por terras de Narón, hai que engadir logo outros 29 km polos municipios de Valdoviño e Cedeira.
Comezaremos subindo cara ao Outeiro do castro de Petouzal, cuberto de bosque, para baixar despois ao muíño das Aceas. Atravesando a estrada de Castela, o camiño pasa preto do castro de Sequeiros, percorrendo a corredoira de Feal e outros camiños que levan á Pena de Embade.
Logo discorre entre os municipios de Narón e Valdoviño, Carreira de Arriba, Monte Boeira, Carballo e as ladeiras do Monte Esperón con espléndidas vistas sobre o val de Trasancos, os montes da Lagoa e o grande areal da Frouxeira.