Festa gastronómica do pemento do Couto
A mediados de xullo as inmediacións do local social da Picota, na parroquia do Couto, acollen cada ano a celebración da Festa Gastronómica do Pemento do Couto.
Centos de persoas acoden puntualmente á cita, na que se dá boa conta da degustación desta variedade de pementos cultivados na localidade –tamén noutros concellos da zona- cuxa principal característica é que non pican ao carecer de capsicina. Desde o ano 2010 o Pemento do Couto ten recoñecida unha indicación xeográfica protexida (IXP), un distintivo emitido pola Xunta de Galicia e que constata a súa excelente calidade.
Ao redor do local social da Picota reúnense anualmente centos de persoas para participar nos actos que se programan con motivo desta cita festiva, á par que gastronómica. A Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto xoga tamén un papel fundamental nesta convocatoria, ao designar cada ano a novas damas e cabaleiros e tamén entregar un “Pemento de Honra” a persoas do concello cunha destacada traxectoria en diferentes ámbitos.