Ruta dos Muíños

Ruta dos Muíños

Esta ruta permite coñecer distintos lugares de interese do Concello de Narón, nun percorrido no que se mesturan recursos de grande importancia histórica e cultural con paisaxes que permiten gozar da natureza nunha contorna de singular beleza.

Bordearás a ría e o río Xuvia e adentraraste na lendaria parroquia de Doso xunto a históricos muíños, presas, pontes e antigas igrexas. Coñecerás os vestixios da importante rede industrial que se asentou sobre a actividade da vasta rede de muíños que aproveitaba todos os recursos enerxéticos do territorio, e que fructificou coa posta en marcha de fábricas de curtidos, papel e moeda, supoñendo unha verdadeira revolución industrial para a comarca.

Fai clic enriba de cada punto de interese para escoitar a descrición en galego, castelán ou inglés.

Puntos de interese

  1. Mosteiro de San Martiño de Xuvia. Este antiquísimo e belo cenobio, chamado tamén do Couto, foi declarado Monumento Histórico-Artístico Nacional en 1972. Situado na ruta xacobea do Camiño Inglés, e punto desde o que parte o Camiño de Santo André de Teixido, a súa historia e desenvolvemento construtivo están ligados con importantes episodios da historia de Galicia, vivindo etapas de grande esplendor, e chegando no S. XII a ser un dos mosteiros máis importantes de España.
  2. Muíño das AceasEste muíño de mareas, construído no século XVIII, formaba parte, xunto co muíño de Xuvia, da importante rede de moenda industrial francesa, sendo os dous declarados Reais Fábricas por Carlos IV en 1798. Utilizaba como forza motriz a enerxía combinada dos ríos e as mareas, a partir da auga que acumulaba a súa monumental presa, a maior de Galicia e de toda a Península Ibérica, e que lle permitía moer inxentes cantidades de trigo. Foi o último dos grandes muíños industriais da Ilustración en deixar de moer.
  3. Magnolio de Xuvia. Esta centenaria Magnolia grandiflora, que forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, é un dos exemplares máis antigos do continente. Ten un tronco de máis de 6 metros de perímetro, o que a converte na maior da súa especie en Galicia, e poida que de España. 
  4. Muíño de Xuvia. Este muíño fariñeiro, construído en 1775, era en 1858 o principal muíño do país en capacidade de produción na súa clase. O seu sistema de molturación permitía obter diversos tipos de fariñas ou sémolas cun alto grao de mecanización. Este elevado rendemento produtivo permitiu abastecer de fariña a Ferrol e comarca, así como exportar importantes excedentes, sendo o xerme dunha próspera revolución industrial na comarca. Anos máis tarde este muíño chegou a mover unha fábrica de papel, unha de tecidos e unha de laminados de cobre. 
  5. Presa do Rei. Esta presa foi construída nos anos 1791 a 1795 para mover a maquinaria da fábrica da Real Casa da Moeda de Xuvia. O espazo natural onde se localiza este singular enclave está declarado zona de especial conservación (ZEC), figura de protección que abarca 2.074 ha percorridas polo Xuvia e o seu afluente Castro, e que conservan gran parte dos bosques tradicionais de ribeira que o configuran como un ecosistema único. 
  6. Muíño de Entrerríos. Este antigo muíño hidráulico, chamado así pola súa localización na confluencia dos ríos Castro e Xuvia, foi deseñado e construído ad hoc no ano 1929. Constaba de catro moas nunha única sala, de formigón armado, o que supuxo no seu tempo unha grande innovación. Foi un muíño de maquía, levado por unha importante familia tradicional de muiñeiros, que moía todo o ano, grazas á auga que lle proporcionaban as súas dúas presas. Estivo en funcionamento ata os anos 60.
  7. Ponte románica de Pielas. Esta ponte medieval de Pielas, na parroquia de Doso, cruza o río Castro e conecta con Neda, sendo antigamente o único que había no municipio para cruzar a esta zona. O seu pequeno tamaño era o xusto para que puidese cruzar un carro de cabalos. 
  8. Fonte de Odín. Estás na mítica fonte Gaván, tamén chamada "fonte do Carballo de Auga Quente" por brotar a súa auga das profundas raíces da árbore do mundo, o Carballo de Edratil, documentado neste lugar do S. XII ao XVI. Localízase nun lugar máxico de especial santidade, a fraga da árbore da vida de celtas e xermanos, orixe de mitos e lendas, e unha das claves da escenografía occidental do destino da alma. 
  9. Antigua Igrexa de Doso. A antiga igrexa de San Lourenzo de Doso, aínda que moi deteriorada polo paso do tempo, mantén o encanto da súa bóveda de canón e a torre do seu campanario de estilo rural. Atópase localizada no ramal do camiño costeiro de Santiago e Santo André, cristianizando un antigo lugar de culto solar celta.
  10. Área recreativa de Pedroso. Estás na área recreativa de Pedroso, onde acaba a nosa ruta. Trátase dunha importante área de descanso, con mesas e bancos, zona de xogos para nenos, cafetería e unha zona de cámping con cabanas de madeira. Aquí atoparás tamén o muíño de Pedroso ou muíño de Chao, construído ao redor do ano 1800, e restaurado e en funcionamento desde 1999, configurado na actualidade como un espazo etnográfico no que se realizan visitas e actividades didácticas relacionadas co “ciclo do pan”.

Recomendación

Non recomendable en época de choiva intensa, pola presenza de zonas inundables pola súa proximidade ao río.

Ruta en Wikiloc

Consulta esta ruta en Wikiloc: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-dos-muinos-31086664

Mapa da ruta

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Descárgao en alta calidade no botón da parte superior dereita DESCARGAR RUTA.

PROXECTO SINALIZACIÓN FINANCIADO

 

 

 

 

Información adicional
Dificultade da ruta: 
Media
Duración: 
2 horas en bici / 4 h a pé
Lonxitude: 
14 km